A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeulle ao Concello de Agolada unha axuda de 19.993 euros para a creación dun observatorio de aves e para a instalación de sinalización no sendeiro dos Sobrerais do Arnego. O Concello terá que aportar 4.198 euros, máis IVA, o que suma a actuación un total de 24.192 euros.
A administración local solicitou esta subvención no marco das axudas convocadas dentro da ORDE do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2022 e 2023 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014- 2020 (código de procedemento MT814A).
Esta iniciativa levarase a cabo en concreto nun sendeiro que transcorre polo ZEC dos Sobreirais do Arnego, na parroquia de Carmoega e no entorno do río Arnego, unha zona que se atopa dentro do espazo protexido da Rede Natura 2000.
A actuación
A intención do goberno local é instalar, dentro do ZEC Sobreirais do Arnego, un observatorio ornitolóxico de madeira que permita observar as aves e a diferente fauna do espazo protexido sen incomodalos. O Concello levará a cabo esta actuación porque é consciente de que existe cada vez un maior interese polo orniturismo, hai unha maior sensibilización ambiental da sociedade e tamén moito máis interese pola descoñecida avifauna que albergan espazos naturais como este. Todo isto contribúe a que cada vez existan máis afeccionados á observación e estudo das aves e os seus hábitats, sendo este un punto con especial interese ornitolóxico dado a gran cantidade especies que o habitan como son: Abelleiro europeo (Pernis apivorus) - Avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus) - Cotovía pequena (Lullula arborea) - Falcón Pequeno (Falco subbuteo) - Falcón peregrino (Falco peregrinus) - Garza Real (Ardea cinerea) - Lavanco Real (Anas platyrhynchos) - Moucho de orellas europeo (Otus scops) - Ouriolo europeo (Oriolus oriolus) - Papuxa do mato (Sylvia undata) - Picanzo Vermello (Lanius collurio) - Picapeixe común (Alcedo atthis) e Pigargo (Circo pigargo).
Cabe destacar que ademais, esta senda é empregada por moitos afeccionados ao sendeirismo pola especial beleza da zona, pero se ben conta con múltiples sinais direccionais, carece de paneis informativos que lles mostren aos camiñantes a riqueza da fauna e da flora da zona existentes dentro do espazo ZEC Sobreirais do Arnego, pertencente á Rede Natura 2000, que atravesa este sendeiro. Por este motivo, preténdese instalar sinalización informativa sobre as diferentes especies de flora autóctona cun cartel informativo por especie onde conste o nome polo que se coñece, a súa denominación científica e as súas principais características. Ademais, tamén se instalará cartelería sobre a fauna do espazo natural.