A Consellería de Sanidade informou ao Concello de Agolada da presenza outra vez de microcistinas no embalse de Portodemouros.
Dentro do programa de Seguimento de Cianobacterias nos encoros da Demarcación Galicia Costa, o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia-Rede de Observación Ambiental de Galicia levou a cabo a mostraxe da auga para a determinación de microcistinas no embalse de Portodemouros. Segundo o resultado acadado, o risco para as zonas de baño está no nivel 3 polo que queda prohibido o baño e non se poderán realizar actividades acuáticas.
Ante isto, o Concello procederá a sinalizar a área recreativa de Brocos na que a cidadanía adoita bañarse co fin de informala dos riscos sanitarios asociados á presenza de microcistinas.
Cabe mencionar que en setembro do ano pasado, a Consellería tamén informara da presenza destas toxinas en Portodemouros.
As Microcistinas (MCs) son toxinas peptídicas de baixo peso molecular, producidas por diferentes especies de algas cianofíceas (blue-green algae), fundamentalmente dos xéneros Mycrocystis, Anabaena, Oscillatoria e Nostoc que medran a veces de forma anormal en augas superficiais orixinando intoxicacións tanto en animais como en humanos.