Nace Basadre Unión, unha nova asociación deportiva en Agolada

Agolada conta cunha nova asociación deportiva: Basadre Unión. Detrás deste proxecto atópanse cinco persoas desta parroquia, que dalgunha maneira quixeron facer honra ao nome da súa aldea. Eles son Jesús Sánchez, Kevin Varela, Luis Martínez, Ricardo González e Iria Pampín. A idea de crear esta asociación xa xurdiu no ano 2018, pero despois chegou a pandemia, e tivo que agardar. “Estamos formando un equipo masculino de fútbol para a categoría xuvenil, o que son mozos de entre 15 e 18 anos e precisamente, xurdiu este proxecto porque consideramos que non había unha opción deportiva no noso municipio que abarcara estas idades”, explica Jesús Sánchez. Os adestramentos, que teñen lugar nas instalacións deportivas de Agolada, xa comezaron nas semanas pasadas e xa está acudindo unha quincena de mozos. A maioría é do municipio agoladés, pero tamén hai doutros concellos como Dozón e Melide. Estes teñen lugar todos os venres ás 18:30 horas no campo de fútbol e despois serán tamén os martes ou mércores, en función do que prefira a maioría dos xogadores unha vez que se conforme todo o equipo. O adestrador é Kevin Varela e o prezo total por xogador é de 160 euros ao ano. Os interesados poden anotarse ou obter máis información a través do teléfono 646 194 306 (Kevin) ou do correo electrónico ruralbasadre@gmail.com A iniciativa está tendo moi boa aceptación e de feito, estiveron cun posto para vender merchandising e sobre todo, para darse a coñecer, a semana pasada na XXV Mostra de Artesanía de Agolada. “Queremos agradecer a todas as persoas e comercios que están colaborando con nós e tamén estamos moi agradecidos co Concello de Agolada polo tan bo trato recibido por parte do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Óscar Val, e do alcalde, Luis Calvo, que nos brindaron a súa axuda e ademais non cederon sen problema as instalacións municipais”, apunta Jesús Sánchez. Pola súa banda, o Concello de Agolada aplaude esta iniciativa. “Sempre nos alegramos de que haxa novas iniciativas no municipio e máis cando involucra ás novas xeracións, que son o futuro. Polo que agradecemos o labor destas cinco persoas de Basadre pola súa implicación e dende o Concello ímoslles axudar en todo o que precisen”, recalca o mandatario.