Descubre

Historia

O nome de Agolada procede do termo latín Aqua Lata, que significa agua levada. Dos tempos prehistóricos, que se remontan ao 3.000-1.800 A.C., consérvanse importantes testemuñas correspondentes á Cultura Megalítica. Os campos de túmulos esténdense ao longo destas terras. Todo está sementado de mámoas nas que aparecen restos valiosos como o famoso Tesouro de Agolada atopado nunha mámoa do Campo do Xastre, na parroquia de Ferreiroa, e que na actualidade atopase exposto no Museo de Pontevedra. Está formado por dous brazaletes e un torque de ouro. Ademais deste achado encontrouse unha louza con gravados en zig-zag, en Coteimil ou dúas mazás de pedra pulida en Lamas (Trabancas).

Entre os campos de túmulos famosos atópanse os de Pereiro en Agra, Monte Luxilde en Artoño , Monte da Carballeira en Berredo, Campo da Mámoa en Brántega, e noutros lugares como Eidián, Esperante, Vidueiros, Ferreiroa, Gurgueiro, entre outros.
Destaca tamén pola súa relevancia histórica, os moitos castros existentes neste municipio, dos que sinalamos o Castro Marcelín, situado na parroquia de Merlín, vixia de cen horizontes, coas súas mámoas, as súas covas, os seus tesouros e a súa lenda da raíña Marcela. A tradición conta que nel habitou unha raíña  de nome Marcela ou Marcelina, que lle deu o nome o lugar, e que deixou agochado un fabuloso tesouro detrás dunha porta de pedra e das consabidas trabes de ouro, prata, alcatrán, etc.

Por outro lado, temos o Castro do Coto dos Mouros, en Trabancas; o Castro de Vilela en Borraxeiros; o Castro de Buxel en Artoño ou o Castro de Brocos.

Situación Xeográfica

Agolada atópase no centro xeográfico de Galicia e no extremo nordeste da provincia de Pontevedra, entre o río Ulla, a serra do Farelo e o río Arnego. Pertence á comarca de Deza e limita coas provincias de Lugo (concretamente co municipio de Antas de Ulla) e coa de A Coruña (co concello de Santiso).

Natureza

Agolada é un municipio que conta con fermosas paraxes naturais, como son as zonas bañadas polos ríos Ulla e Arnego, a serra do Farelo ou o Sobreiral do Arnego, este último incluído na Rede Natura 2000. Así mesmo, no municipio hai fermosas áreas recreativas para descansar e desfrutar da contorna como son as de Vilariño, Carmoega e Brocos, ademais da Cornella, un lugar que se atopa entre Agolada e concello veciño de Santiso.

Como indicamos liñas máis arriba, Agolada presume de varios ríos. A rede fluvial organízase arredor de dous cursos principais: O Ulla e O Arnego. O Ulla, que serve de límite norte do municipio, segue a orientación-O e á súa cunca verten as augas de ríos coma o Arnego que, ao seu paso polo concello, forman un estreito val de fortes pendentes, seguindo unha dirección O-SE para unirense ao río Ulla en Brocos, onde empeza o encoro de Portodemouros. As augas do río Ulla regan as terras e pradeiras das parroquias de Ramil, Basadre, Eidián, Berredo, Artoño, A Baíña, Sexo, Agra e Brocos, río de gran caudal e rico en pesca, principalmente troita. As augas do río Arnego regan as terras das parroquias de Gurgueiro, Ferreiroa, Esperante, Vilariño, Carmoega, Brántega, Val, Sexto e Brocos.

O río Lentisco cruza tamén o municipio de Leste a Oeste, nacendo nas estivadas do Monte Pico Longo e Monte da Pena da Virxe, e morre entregando as súas augas no Ulla despois de percorrer uns 14 quilómetros. Este río recibe gran número de nomes ao seu paso polos distintos puntos: río de Couso, Vila, Buxel, Lentisco, A Baíña. As súas augas regan as terras das parroquias de Borraxeiros, Artoño, Baíña, Val e O Sexo.

As actividades de ocio vencelladas aos ríos e aos seus entornos na nosa benquerida Terra de Agolada son moi numerosas e abranguen diferentes posibilidades. No encoro de Portodemoros, na parroquia agoladense de Brocos atopamos unha remozada área recreativa dotada de novas barbacoas e bancos e mesas de pedra, onde as familias poden gozar de diferentes actividades na súa zona de xogos infantís, na súa zona de esparcemento e praia fluvial, así como o desfrute das actividades do Agolada Clube Náutico.